
Ós meus avós, sempre eternos.
Soñaba con ser escritor. Coma Castelao ou Rosalía. Eles escribiran e loitaran na defensa da súa lingua, en tempos complexos, pero nos que a escrita tiña un fin social, cultural e moral. Daba igual a quen lle parecese mal.
Cando lle dixo ó avó que quería ser escritor, mirouno curioso.
– ¿Cómo vas ser escritor se non sabes ler nin escribir? – cuestionara o vello.
– ¡Aprenderei! para iso vou á escola – replicara con só cinco anos.
«¡Estuda neno, estuda! Para burro xa chego eu», dixéralle anos despois, cando na secundaria comezaban a afloxar as notas. «¡E non esquezas aprender da vida!».

Seus avós eran analfabetos. Mais burros non eran. Quizais non souberan escribir nin ler. Pero tiñan palabra e honor. Gañáranse a vida en tempos moito máis difíciles cos que lle ían tocar vivir ó cativo. El emigrara, si. Tivera que abandonar a familia para gañar o pan. E ela, quedara pasando penurias e fame, intentando sobrevivir cos fillos. Pero levantaran aquela casa, fixéranse cunha xugada de vacas e unhas leiriñas para traballar. Sacaron adiante á familia como ben puideron.
Seu avó non fora á escola. Pero era capaz de adiviñar as condicións meteorolóxicas con só observar a contorna. Sabía cando había que recoller a semente para que fose frutífera. Respectaba os ciclos da natureza para sacarlle o mellor rendemento á terra. E os animais, non eran mascotas, eran un máis da familia, coa súa función determinada a cumprir.
A avoa non sabía de contas. Pero se tiña catro duros, miraba de gastar dous. Era a lei da súa economía, coa que non lle fora mal. E pese a que os pantalóns na casa os levaba o avó, era ela quen tiña a última palabra.
Non eran dados a grandes mostras afectivas, sobre todo o avó. Pero para eles, a familia era o piar fundamental de todo. E, con toda seguridade, os netos, eran a súa debilidade máis grande.
– ¿E para que queres escribir ti, ho? – preguntáralle aquel día con cinco anos.
– ¡Para que vai ser avó! Para escribir sobre vós e facervos eternos – sentenciaralle o cativo, mentres se lle humedecían os ollos ó vello.
24/07/2023
PUBLICADO NA 24ª EDICION DE RELATOS DE VERÁN DE LA VOZ DE GALICIA O 21/08/2023
Enhorabuena!👋👋
Es un relato entrañable.
Me gustaLe gusta a 1 persona
Muchas gracias!! ☺️
Me gustaLe gusta a 1 persona