
Din que as fadas non existen. Non o sei. Pero estou seguro de que hai un mundo máxico no que os soños se fan realidade. Foi onde nos coñecemos ti e eu, coa primeira raiola da mañanciña, un día perdido no calendario de setembro ¿lembras? Unha bolboreta de cores afogaba os seus últimos folgos cruzando o xardín sen flores, tan só árbores tristes rezando as súas follas mortas no chan. Eu andaba perdido neste mundo de fantasía, distraído nos seus quefaceres diarios. Foi sorprendente cando levantei a mirada máis aló e te vin. Pareceume unha ilusión, un simple reflexo da raioliña que afloraba entre os edificios para poñerlle luz a rúa sombría. E iso todo a pesar de que eras unha estrela máis atrapada nese ceo tan escuro e tan enigmático.
Pero o tempo pasa. En realidade fómonos coñecendo sen querer, case por obriga. En realidade. No fondo, non creo nas casualidades. Unha flor non nace só para morrer. Aínda non sei moi ben porque, pero acabamos sendo cómplices da fantasía, aliados dos feitos insignificantes que marcan a forma de actuar dun, dándoche ánimos para deixar voar a imaxinación e crer de verdade en que os soños se fan realidade. Aínda que cando te vin, nin mo imaxinei, acabei soñando que podiamos ser amigos.
E despois din que maxia non existe. Estou seguro de que si. E se cadra son paranoias dunha mente ilusa, pero poder contar contigo día tras día é algo realmente máxico. ¡Oxalá sexa eterno! Aínda que non hai nada eterno, todo ten un punto final. Hai días que escribiría mil historias sobre ti e non o fago, porque teño medo de poñer punto final e que remate todo, que se evapore o meu soño de prata. Porque un día xa se evaporaron os reflexos difusos dunha historia que escribín e que me prometera non esquecer. Porque un día… unha historia que escribía… deu co punto final sen min… ¡Non foi xusto!
E despois din que a vida é unha ilusión. Aínda hai quen pensa que son un iluso. Razón non lles falta. Pero sempre me quedará a esperanza de que o soño da nosa amizade se siga facendo realidade cada día, cada ano, ata o último outono, onde morren as bolboretas de cores ( )
Deja un comentario