Bicouna coa paixón de nunca telo feito. Abrazouna co desexo de que nunca desaparecera aquel abrazo infinito, sen noción do tempo nin do entorno. O seu corazón palpitaba coa vértixe do infinito, coa ansiedade do teño e non quero, coa tristura inconfesable daquel intre.
Ós seus pés, aquel maletón cargado cos poucos enseres que tiña en posesión, ó pé do vapor que quentaba motores naquel primitivo porto de Vigo. Ó lombo, tres días de camiño polas corredoiras da montaña, cruzando ríos mollando os pés, pouco descanso e menos alimento. E pese a todo, ela insistira en acompañalo ó porto. El encargárase de que o Ramiro, curmá dela, os acompañara, pra que non tivera que volver soa monte arriba durante outros tres días.
E no seu corazón a equipaxe inconfesable: o desexo de triunfar, a desconfianza de fracasar e o medo de non volver. E non lle quedou outra que deixarlle o último bico coa promesa de volver pra levala ó altar e darlle unha vida decente. Aqueles ollos castaños, bagoentos, só lle pedían que volvera, igual que lle pediran semanas antes que non marchara.
O buque soltou amarras e botouse ó mar! El desde a borda decindo adeus coa man ergueita, coa incertidume do que lle agardaría no horizonte. Ela en terra, rota en bágoas ácedas baixo o brazo do parente, co desgusto propio dun corazón roto que comezaba a murchar aquel mesmo día.
Nunca volveu. Nin sequera unha carta dende onde queira que chegara, se chegou a algún sitio. E ela, consolouse pensando en que faría as américas e que atopara outra coa que facer vida aló. E máis por supervivencia que por sentimentos, casou cun mozo da aldea veciña, resignada a afogar a súa saudade entre montañas e días de brétema.
Morreu de vella sen terlle falado nunca a ninguén del. E el…sabe Deus…levou a sorte de tantos galegos marchados á América, nunca máis se soubo da traza que levou. Foi unha viaxe de ida sen destino coñecido!
Deja un comentario