Lembranzas dun labrego neno XIII

Imaxe de wordpress

O día de reis era ben distinto dagora!! Demos se non!! Primaba a ilusión máxica sobre a ansiedade de que traerían. De feito, non lembro siquera se escribiamos a famosa carta, aínda que si sei que rara vez traían o que se lle pedía. Traían o que podían, segundo sabíamos anos despois.

Tamén é certo que non iamos durmir ata última visita dos reis, na que quedaba o zapato cheo de caramelos. Esa era a sinal de que se acabaran. Entón recolliamos o zapato e pechabamos a ventá!

Porque de sempre, a noite de reis, ó que anoitecía, tiñamos que limpar os zapatos e subir un ó comedor da segunda planta, e dexabámolos por orde de idade, fronte a vella ventá de madeira que quedaba cunha folla aberta.

Os reis eran máxicos. Raios se non! Acertaban co zapato, deixaban candaseu regalo adecuadamente. E o lote, acostumaba ser sempre o mesmo: 3-4 regalos. Algo de vestir e calzar, algún xoguete, algunha vez un paraugas e caramelos!! E eran traballadores, non deixaban todo dunha vez. Tiñan tanto que repartir que viñan deixando seguno lle ían aparecendo nas alforxas. Traían o primeiro, media hora despois outros. Logo tardaban unha hora se cadra e volvía haber agasaio no zapato.

E así pasabamos boa noite, con ben viaxes en balde ó sobrado!! Pero ó final, con pouca cousa, iamos pa cama máis contentos ca periquitos, coa única ansia de espertar a tempo pra ver a pasar a cabalgata da parroquia pro outro día pola mañá cedo. Despois da misa das 12 aínda nos agardaba o seu detalle!!

Eran outros tempos!!!

Deja un comentario

Blog de WordPress.com.

Subir ↑